venres, 28 de febreiro de 2014

Estudo da toponimia de Cervo

Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello. 
Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome. 

Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente. 
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo. 
_______________________________________ 

A ACAROADA (Cervo)
Posiblemente de "finca acaroada", labrada até os estremos, sen deixar cómaro algún. Cf. aquí.
Tamén pode ser sinónimo de "rapado", segado até o chan, sen deixar "restreba".

A ALBARIZA (Castelo)
O termo "albariza" designa un  sitio onde abundan as colmeas. Cf. aquí.
Xeralmente, a alvariza implicaba un cercado, para protexer as colmeas dos osos e outros animais.
De ser esta a interpretación correcta, debería grafarse "Alvariza", pois derivaría do latín alveus 'cavidade', do cal xa en latín tamén deu alvearium 'colmea'.

A ALLEIRA (San Román de Vilaestrofe)
Este topónimo pode interpretarse de dous modos distintos:
1)Lugar onde abundan os allos. Pode referirse tanto aos allos comúns como aos allos bravos.
2) Punto de unión de dous ríos ou un cóbado do río. Neste caso derivaría do latín angularia.
Para especular entre unha das dúas interpretacións, sería preciso coñecer o lugar, cousa que non ocorre. Deixámolo para cando alguén que coñeza nos dea pistas de se está preto dun recanto do río ou non.

Existe un Allares e un "Os Allás" en Viveiro, "A Alleira" en Xove, Foz, "O Alleiral" en Muras, etc.

A ARMADA DA PENA (Castelo)
Unha "armada" reférese a unha trampa para cazar animais.


A ARMAÑA (Lieiro)
Topónimo de orixe prerromana, relativo a augas ou correntes de auga.
Este é un topónimo interesante, por complementar o conxunto identificado por E. Bascuas entre os derivados do tema hidronímico paleoeuropeo *arm-, derivado da raíz indoeuropea *er- 'moverse' (cf. p.44 e ss., Edelmiro Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
En efecto, o sufixo que presenta, -aña, é típico en formacións de orixe prerromana, en particular en hidrónimos paeloeuropeos, e parece reforzar, por tanto, a interpretación prerromana destes topónimos apuntada por Bascuas.


A BANDEXA (San Román de Vilaestrofe)
Ver "Rego da Bandexa".

A BALSA (Castelo)
O topónimo "balsa" é de orixe prerromana, e indica unha charqueira, un estanque, e tamén un lugar onde medra a vexetación.
Segundo F. Villar, derivaría da raíz indoeuropea *bhel- 'branco, brillar', con extensión -s-. Cf. p. 299  de "Indoeuropeos y no indoeuropeos en la Hispania prerromana".
Alternativamente, cremos que podería ter a orixe na raíz indoeuropea *uel- 'virar', que E. Bascuas apunta para "Baleira" (cf. p.315, Edelmiro Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
Finalmente, A. Tovar asígnalle unha orixe pre-indoeuropea, por ter correspondencia co vasco.

A BARCIA (Castelo)
Unha "barcia" é un "terreo chan e cultivado, un campo chan" (cf. aquí), moitas veces ao pé dun río. 
Orixinariamente significaba algo como "terreo de cultivo próximo a río" (cf. aquí), e despois pasou a significar "terra próxima a río e que se inunda". Descoñecemos se este é o caso.

Canto á súa orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz extendida no celta. Cf. pp. 154-155 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

A BRAXA (Castelo)
Topónimo de difícil interpretación. Moralejo Laso menciona para o topónimo "Braxe" a posibilidade de orixe céltica, en relación á mesma base do galo bragon 'pantano', de onde tería saído un brágina, que da mesma forma que o prerromano lagina deu laxe/laxa, tamén bragina tería dado Braxe e Braxa. (cf. A. Moralejo, 1981. "Notas acerca de algunos topónimos de la comarca de Betanzos" in "Anuario Brigantino").
Existe un "A Braxe" en Valdoviño e "Braxe" en Betanzos. Tamén existe un "O Braxal" en Carnota, cun sufixo indicador de abundancial, que parece confirmar que "Braxe" ou "Braxa" foron apelativos común que se conservou no romance. Posiblemente se tratase dun nome de planta ou árbore.
Finalmente, mencionar que o topónimo "Braxe" foi interpretado por Porto Dapena como orixinado no latín voragine 'abismo, profundidad inmensa de agua' (cf. A. Porto, 1986. "Estudio toponímico del ayuntamiento gallego de Cedeira"). Co máximo respecto para o profesor, non cremos que sexa o caso, entre outras razóns por aparecer o termo abundancial "braxal", que non encaixaría nesa interpretación.

A BODOEDA (Castelo)
De "bedueda", lugar onde abundan os bedueiros.

A BREA (Lieiro)
Brea pode ter varias orixes e significados; probablemente neste contexto signifique "vrea" ("verea", "vereda").

A CALVELA (San Román de Vilaestrofe)
Os topónimos "Calvo", "Calva", "Calvelo", "Calvela" e "Calveira" referen metaforicamente a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.

A CANDORCA (Castelo)
O termo "Candorca" probablemente derive de "cando". 
O termo "cando", segundo Navaza, designa en xeral "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado"(cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006).  Abondan, así,  os topónimos "Candaedo" e similares. Parece derivar dunha raíz indoeuropea *(s)kand-  'resplandecer, brillar',  como no lat. candeo 'brillar, arder'. Partindo desta raíz, postulouse un elemento céltico *kando-, e *kándanos, do que derivaría "cando". 

A respecto do elemento -orca, García de Diego suxeriu que podía ser un adxectivo ‘cóncavo, profundo’, que ocasionalmente adquiría valor sustantivo ‘cova, sima’. Almeida Fernandes relaciona -orca con ‘dolmen’. Cf. aquí. Cremos que, tendo en conta a súa representacion nos topónimos galegos, como "Pandorca", "Candorca", "Cavorca" (=barranco profundo), "Cañorca", "Lamborca", así como en portugueses como "Palorca", tórnase bastante probable ese significado de "sima, barranco".

En concreto, o topónimo "Candorca" parece confirmar que, na maioría destes topónimos, o primeiro elemento é adxectival, e o apelativo é orca: "cand-" tén sentido como 'brillante', e o feito de ir "-orca" en femenino, parece apuntar a que non é sufixo ou adxectivo, pois nese caso, sendo asociada a "cando", sería candorco.

Con certa seguridade pode descartarse unha orixe no apelativo "candorca" 'orca, cetáceo' e tamén 'muller grosa e suxa': aínda que nun topónimo podería encaixar como alcume, é improbable se temos en conta a relativa frecuencia deste topónimo en Galiza.

CARBALLA (Rúa)
Unha "carballa" é un carballo grande, centenario.

CARBALLEIRA DBATÁN (Castelo)
O termo "carballeira" é transparente: lugar poboado de carballos.
Ver "O Batán".

CARREIRA (Castelo)
O apelativo "carreira", presente no galego desde antigo, indica a presencia de "antigos carrís creados polo paso continuado de carros". Deriva do latín vulgar carraria.

A CASA DE SENRA (Cervo)
Ver "A Senra".

A CASA DCASAL (Rúa)
Casal, do latín casalis, designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

CERNADA (Castelo)
Posiblemente de *(agra) cinerata, significaría "a queimada", 
posiblemente en relación con as actividades de cavar na roza. Cando se cavaba a roza, facían borralladas, que servían de abono, ao queimaren os toxos, etc.
Di Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía" Vicente Risco, "Terra de Melide".

A CHAVIÑA (Rúa)
robabelmente diminutivo de "Chave", relativo á forma do terreo en "L", de feito este é o termo para caracterizar, por analoxía, esta clase de terreos.
Analogamente en portugués "chave" denominaba un “recanto ou cotobelo que uma belga ou um terreno faz para algum dos lados” (cf. Elucidário).

Aínda que moi improbábel, tratándose dunha zona de prados, e dada a abundancia do topónimo "A Chave" por toda a Mariña, tampouco podemos desbotar neste caso, sendo un núcleo de poboación, que derive de *(villa) Flavina, dun antigo posuidor chamado Flavinus, hipocorístico de Flavius, nome de orixe latina.

A CHOUSA DA ESTIVADA (Rúa)
Xa Sarmiento indicou que unha estivada era “labor que consiste en rozar o monte, queimar a broza cortada, arar a terra e sementala de trigo ou centeo”. 

O termo "estivada" ou "estibada" ten varias acepcións, relacionadas coas antigas "rozas":
  • Roza: operación de cavar un anaco de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo.
  • Terra na que foi feita unha roza despois de extenderse as borrallas desta.
  • Peche dunha herdade con terróns.
Para maior detalle, ver o estudo de Navaza aquí, así como a información indicada no dicionario de Eladio Rodríguez (cf. aquí).

A CHOUSA DA ROZA (Castelo)
Ver "A Roza Vella".

A CHOUSA DOS FEÁS (San Román de Vilaestrofe)
O termo "Feás" é o plural de "feal", un herbal, un terreo que produce "feo" (cast. heno) (cf. aquí).

A CONGOSTRA (Rúa), A CONGOSTRA CHÁ (Rúa)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. 
Pode ser sinónimo de "corgo, córrego". 
A palabra vén do latín congusta, "estreita". Cf. aquí.

A CORTIÑA (Cervo, Castelo, Lieiro, Rúa, Sargadelos)
O apelativo "cortiña" vén do latín tardío cohors, ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina, ‘cortiña’ (e cohorticulu(m), ‘cortello’). 
As cortiñas son leiras que polo xeral estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

A COSTOIRA (Castelo)
O termo "costoira" cremos provén do latín medieval custodiaria 'atalaia', 'posto de observación'. Hai varios topónimos con este nome e tamén como "costoura", da mesma orixe. Por outra banda, tamén existen os topónimos "Costoia", que neste caso derivan de custodia.
Para máis detalles, pódese ver este blog >> aquí.

A ESCALLA (Cervo), A ESCALLAR (San Román de Vilaestrofe)
Os termos "escalla" e "escallar" teñen unha etimoloxía incerta.
O termo "escallar" podería vir de "lugar onde abundan os escallos". O termo "escallo" é definido nos dicionarios como "chantón, enxerto".
Alternativamente, tamén se rexistra "escallo" como derivado do baixo latín squalidus, 'áspero, erizado, rugoso', 'inculto' (de squalere, 'estar en barbeito'). Designaría, por tanto, un terreo ou lugar que non foi comprado senón apropiado por estar abandonado, quer por non ter dono ou por estar inculto.  Cf. aquí. E. Rivas tamén menciona esta orixe en "Natureza, Toponimia e fala". 2007. 

A ESCOURA (Rúa)
A escoura é una substancia vítrea que se forma durante a fusión dos metais e contén as impurezas.
En particular, materia que se desprende do ferro ao traballalo na forxa.
Tamén a "pedra da cor do ferro".

A ESTIBADA (Rúa, Castelo)
Grafía alternativa por "estivada". Ver "A Chousa da Estivada".

A FIONZA (Sargadelos)
O topónimo deste nucleo de pobiación é de orixe incerta.
Atestado como nome de muller no ano 934, segundo Boullón Agrelo, que o etiqueta como "de dificil interpretación", pode tratarse dun derivado do latín fides. Menciona tamén a existencia do equivalente masculino Fioncius, atestado en Cantabria no ano 790. Cf. p.211 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)".

Para Menéndez Pidal é posiblemente prerromano, relacionado con "Fión" e "Fiobre". 
É importante notar a existencia doutro núcleo de poboación chamado "A Fionlla" en Barreiros, posiblemente relacionado tamén, o cal parece apuntar á hipótese de Menéndez Pidal.

Existe "Navia de Fiuncia" en Salamanca, que tamén se podería interpretar como nome de muller.

Alternativamente, Boullón Agrelo tamén menciona a posibilidade etimolóxica dunha orixe xermánica en Fili-gundia, de evolución similar á de Aldonza < Aldegundia.

A FONTE DA AGUIEIRA (Castelo)
Unha "aguieira" é un lugar frecuentado polas aguias.

A GRANDA (varios)
O termo "granda" ou "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a "terreo improdutivo, polo xeral chan".

A INFESTA (San Román de Vilaestrofe)
O mesmo que "enfesta" 'cuesta que desciende á una hondonada, ó termina en ella', 'cume, pico, lugar alto'. Cf. aquí.
Probablemente en sentido metafórico: no dicionrario de Carré Alvarellos define "enfesta" como teiroá, "travesero de madera que une la cabezalla del arado con el dental" e tamén como a "Pieza de madera que regula la engranda del (grano en la muela del) molino".

A MEDELA PEQUENA (Castelo) 
Diminutivo de "meda".  "Meda", do latín meta(m), designa unha morea de mollos de cereal segado, aínda que tamén pode referir a unha "mámoa".

A MOURISCA (San Román de Vilaestrofe)
Interesante topónimo que, ante a falta de documentacion antiga da que dispoñermos, deixa unha morea dúbidas.
Primeiramente, atendendo ao seu significado literal, estaría relacionado cunha terra pertencente a un mourisco, un cristiano converso, de orixe musulmá. Habería, incluso, unha posibilidade de relacionar o termo como despectivo para un mozárabe, en relación ás hipotéticas inmigracións de mozárabes para Galiza na Idade Media.
Alternativamente, relativa á cor do terreo mouro.
Ao non termos documentación antiga, tampouco podemos desbotar unha orixe na raíz prerromana *mar-/*mor- "rocha, altura", e por tanto sen relación co termo "mourisco".

A OLGUEIRA (Cervo)
Probablemente estamos ante unha forma abundancial, indicando "lugar onde abunda a olga", sendo a "olga" neste caso un sinónimo de alga, tal como recolle o dicionario (cf. aquí). 
En efecto, de todas as interpretacións existentes para "Olga" (ver, por exemplo, "A veiga das Olgas" na Toponimia de Muras), no caso que nos ocupa, ao tratarse dun coído, semella plausible a acepción de "alga", co cal "olgueira" indicaría, por tanto, un lugar onde abundan as olgas ("algas"), ben porque nacen no coído ou porque as xuntan. 
É interesante, dada esta situación nun coído, reparar na acepción recollida para "olga" na zona do Eo como "en ciertas riberas y playas del mar, sitio de profundidad y abrigo que forma remanso, en el cual se depositan las algas marinas." (cf. "olga" en, B. Acevedo e M. Fernández "Vocabulario del bable de occidente", 1932).

A PALLAREGA (Rúa)
O termo "pallarega" ten tres acepcións: "c
asa pequena cuberta con palla", "Palleiro", "Restrebas" (cf. aquí).
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, así atopamos  "A Pallarega" en Muras e en Boimente (Viveiro), así como "As Pallaregas" en Cabarcos e en Reinante (Barreiros), en Covas (Viveiro).

A PARDIÑEIRA (Castelo)
O nome "pardiñeira" significaba orixinariamente "lugar deshabitado", similar a "pardiñeiro": casa arruinada e destartalada (cf. dicionario). En portugués existe pardieiro, co mesmo significado que "pardiñeiro".
Outra posible acepción de "pardiñeira" é a de conxunto de "pardiñas" (devesa ou chousa, cf. dicionario), lugar de devesas.
O topónimo "Pardiñeiras" é  moi frecuente por toda a Galiza. En Mogor (Mañón) hai "As Pardiñeiras", en Riobarba e en Covas hai "A Pardiñeira", en Celeiro "Pardiñeiras", en Covas "Os Pardiñás", etc. 

A PASADA DE MADRIÑÁN (Rúa)
O termo "pasada" indica, neste caso, un paso no río. A orixe de "Madriñán" é Materniani, a forma en xenitivo de Maternianus, nome de orixe latina.


A PENA DA ARCA (Cervo)
Unha "arca", xeralmente reférese a restos de dolmen (tales como os esteos e a furada). Outras veces indica somente a existencia dun marco divisorio, por veces medieval.

A PEZA DE VIÁN (Cervo)
O termo "peza" indica, neste caso, un campo grande que se labra (cf. E. Rivas aquí).

En canto a "Vián", posiblemente proveña de Vibiani, forma en xenitivo de Vibianus, rexistrado por Solin (cf. H. Solin, 1977. "Die innere chronologie des römischen cognomens"), e para o cal Boullón indica varios casos atestados en Galiza no século XII (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"). 

Alternativamente, podería provir de Vegilani, a forma en xenitivo de Vegila, nome de orixe xermánica (cf. M. Costa aquí). 

A PINGUELA (Castelo, Cervo)
O termo "pinguela", derivado de "pingar", 'caer a auga ou o líquido', 
significa "fío de auga que mana dunha rocha", e tamén "cano por onde verte auga unha fonte".

A PORTELA (Cervo)
Diminutivo de "porta", co antigo sufixo -ela.
En canto á súa significación toponímica, os dicionarios de galego rexistran a acepción de garganta por onde se atravesa un monte. Di E. Rivas: "depresión en una loma, por la que se pasa a la otra parte, que originó infinadad de orónimos en la geografía del NO" (cf. aquí). Porén, tampouco podemos desbotar a outra acepción nos dicionarios, tal como no de X.L. Franco : "abertura en una pared o muro para poder pasar carros".


A PUIDA (San Román de Vilaestrofe)
O termo "puída" é o mesmo que "polida, brillante", posiblemente referido ás características das terras.
Cabe a posibilidade remota de que proveña dunha posuidora con ese alcume (ou propietario: "O da Puída"), aínda que sendo un núcleo de poboación semella máis improbable. A relativa frecuencia do topónimo volve aínda menos probable esta hipótese.

A RAÑADOIRA (San Román de Vilaestrofe)
O mesmo que "rañadoiro" 'monte baixo con carqueixas, moi pelado polo gado'. Cf. aquí.
Derivado de "raña", lugar pelado e pedregoso.

A RESTREBADA (San Román de Vilaestrofe)
Terras con "restrebas", as couces das pallas ou canas de cereal que quedan presas á terra despois da sega.

A RILLEIRA (Cervo)
O dicionario define "rilleira" como "pisada que deixa a roda do carro", e tamén"respaldo do escano". Cf. aquí.
No entanto, dada a frecuencia da presencia deste topónimo preto de regatos, tampouco se pode descartar unha orixe relacionada coa raíz indoeuropea *er-, presente na hidronimia europea.

A ROCIÑA (Lieiro)
Diminutivo de "roza". Ver "A Roza Vella".

A ROZA VELLA (Cervo, Castelo, Lieiro, Rúa, Sargadelos)
O termo "roza", do latín ruptia, refere a un "(monte da) roza", monte que se roza e cava para cultivalo con trigo ou centeo".
Ver "A Cernada".

A ROZADA (Castelo, Rúa)
Lugar onde se houbo actividades de "roza". Ver "A Roza Vella".

A SALEIRA (Lieiro)
Lugar onde abunda o sal. Ao tratarse dunha punta costeira, parece reforzar esta interpretación.

A SARA DE BAIXO (Castelo), A SARA DE RIBA (Castelo)
O topónimo "Sara" é xeralmente interpretado como hidrónimo derivado da raíz indoeuropea *ser- 'fluír', moi frecuente na hidronimia europea, tal como os casos Sor, Sar, Serantes, etc. (cf. e.g. F. Villar aquí).
É interesante o topónimo estreitamente relacionado "Sarapia", en Trabada, ao pé do río Eo, que inclúe a forma -apia, tamén presente en hidrónimos paleoeuropeos, e derivada da raíz indoeuropea *ap- 'auga, río'.

A SENRA (Castelo)
Unha "seara" ou "senra" é unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado. É de orixe prerromana, derivada da forma pre-céltica sénara.

A TORNA (San Román de Vilaestrofe)
Os topónimos  "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica indoeuropea*ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

A TILLEIRA (Rúa)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.

ABELAEDO (Rúa)
Terreo onde abundan as abeleiras.

ABELLEIRIÑA (Rúa)
O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". Por tanto, o topónimo indicaría "lugar onde hai colocadas colmeas". Moitas veces tiña un cercado, para protexer as colmeas dos osos e outros animais.

Aínda que o apelativo "abelleira" tamén corresponde coa "herba abelleira" (Melissa oficinalis), é improbable que sexa esta a interpretación correcta, sería extraño un topónimo referido ao nome singular dunha planta sen uso especialmente relevante.
Tampouco podemos desbotar unha orixe totalmente distinta, relativa á raíz hidronímica indoeuropea *ab–.

ABURLIDO (Cervo)
Probablemente de "Aborlido".  Navaza apunta a posibilidade de que "Abrolido", "Aborlido" e "Abrulido" deriven do baixo latín arboretu 'arboreda' (cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006). 
Alternativamente, podería indicar un "Abrulido", lugar onde abundan as plantas chamadas "abrulas" (de nome científico Digitalis purpurea, cf. aquí).

ARNADO  (San Román de Vilaestrofe)
Autores como E. Bascuas relaciónano coa forma hidronímica paleooeuropea *arn- (como nos casos de "Arnoia", "Arnela", etc), derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Tería un significado de  "corrente de auga", e despois "casca dos castiñeiros e carballos" ou  "casca de árbore usada de canaleta para conducir a auga".

AS ALTAFONAS (Cervo)
Significado incerto. Probablemente de "As Atafonas".
Unha "tafona" é un muíño de fariña movido por animais de tiro (burro ou múo).  Deriva do árabe tahuna . É unha das poucas palabras patrimoniais de orixe árabe existentes no galego. 

AS ALBARELLAS (San Román de Vilaestrofe)
Probablemente este topónimo "As Albarellas" derive de "as (terras) albarellas", sendo "Albarella" o diminutivo de "albar", o cal designa como apelativa "terras tirando a brancas, talvez pola arxila". En efecto, o termo "albar" é adxectivo derivado de "albo" ‘tirando a branco’, do latín album.  De feito, o dicionario da RAG indica para "albar": "Refiriéndose a la tierra, es la ligera y de mala calidad, en contraposición a la negra y pesada, que es la mejor". Cf. aquí.
De feito, o sufixo -ella, con certa carga despectiva, parece reforzar esta idea de "terras de mala calidade".
No entanto, esta interpretación é preciso tomala con reservas, pois o o adxectivo "albar" é aplicado non só a terras, senón a vexetais, co cal podería indicar "lugar poboado dun vexetal albar". Así o dicionario de Eladio Rodriguez indica que "se aplica a lo que tiene el color más blanco o claro que lo que es ordinario o general, como coello albar, carballo albar, centeo albar, piñeiro albar, toxo albar". Cf. aquí. En efecto, non se pode desbotar a posibilidade de se tratar dun fitotopónimo, mais tampouco afirmala. De feito, este topónimo foi extensamente analizado por Navaza, quen tampouco se decanta por ningunha das alternativas (cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006).
Alternativamente, para Rivas Quintas (1982: 25) forma parte dos procedentes do indoeuropeo *alb- ‘altura’ (cf. E. Rivas, "Toponimia de Marín". 1982). Porén, esta interpretación non encaixa en moitos "Abares", así o Albares de la Ribera (León) fica na ribeira dun río. No caso do topónimo que nos ocupa, tamén se trata dunha zona de prados, polo que tampouco parece encaixa esta interpretación. 
Por outro lado, no Glossarium de Du Cange recolle a forma medieval albare  ‘estacada, cerca, foso, canle’. Esta acepción podería estar relacionada coa indicada por E. Rivas, e trataríase dunha relación semántica sinxela de algo semellante a "altura" para algo do estilo de "desnivel, terraplén". Tamén podería estar derivada do tema prerromano *albara-, derivado da raíz hidronímica indoeuropea *albh-, tal como interpreta E. Bascuas para "Albarán".

En resumo, hai dúas interpretacións máis ou menos plausibeis, porén, cremos que a máis sinxela, a de "terra albar", terra clara, de baixa calidade, debe ser a máis segura, sendo "albar" e "albeiro" aplicados en múltiples ocorrencias neste senso de "tirando a branco", desde vexetais ata pedras de muíño.

AS ARNESAS (Cervo)
Autores como E. Bascuas e outros asígnanlle unha orixe na raíz hidronímica paleoeuropea *arn- (como "Arnoia"), co significado de "corrente de auga", e despois "casca dos castiñeiros e carballos" ou  "casca de árbore usada de canaleta para conducir a auga". 
Neste caso, este topónimo dá nome a unha zona de prados, polo que parece confirmar esta hipótese de hidrónimo.

AS CALVELIÑAS (Lieiro, San Román de Vilaestrofe)
Diminutivo de "Calvelas". Os topónimos "Calvo", "Calva", "Calvelo", "Calvela", "Calveira" referen metaforicamente a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.

AS CANDAS (Rúa)
O apelativo "canda" é sinónimo de "garabullo", tamén chamado "cando".

AS CORTICEIRAS (Cervo, Sargadelos)
O apelativo "corticeira" designa a árbore tamén chamada "Sobreira" 'quercus suber', da que se tira a cortiza.

AS CORTIÑAS (Cervo)
Ver "A Cortiña".

AS CURUXEIRAS 
(Rúa)
Unha "curuxeira" designa, metafóricamente, un "lugar en sitio elevado e con penascos, con vexetación frondosa". Cf. aquí.

AS DAIANAS (San Román de Vilaestrofe)
Terras que pertenceron a unha persoa apelidada "Dayán", apelido presente soamente nos concellos limítrofes e, como tal, indicando que a persoa era oriunda do lugar chamado Daián, en Cervo.

AS ESQUEIRAS (Sargadelos)
Unha "esqueira" é, polo xeral, sinónimo de "escada". Por veces, "esqueira" refere en particular á "escada rústica que se fai nos cómaros con pedras salientes ou pequenos foxos nos mesmos comareiros. Cf. aquí.

AS ESTIBADAS (Rúa)
Grafía alternativa por "estivadas". Ver "A Chousa da Estivada". 

AS FORCADAS (Santo Acisclo do Valadouro)
Posiblemente relativo a unha bifurcación (de río, camiño, cordal). 
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza (con formas como "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña"), polo que non pode ser referido ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non encaixaría con esa frecuencia.


AS LAMESTRAS (Rúa, San Román de Vilaestrofe)
O termo "lamestra" é derivado de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama"  ten o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "As Lamestras" en Morás (Xove), "Rego da Lamestra" en Alfoz, etc.

AS LOBEIRAS (Rúa)
O nome "lobeira" indica "sitio, gorida de lobos". Cf. aquí.

AS LÓNGARAS (Lieiro, San Román de Vilaestrofe)
O termo "lóngara" significa "terreo de forma alongada".

AS MODIAS (Cervo)
O termo "modia" reférese moitas veces a mámoa ou túmulo primitivo. Outras veces parece referirse somente a un outeiro, a unha "mota", sen existencia de túmulo coñecida.

AS PANDAS (Rúa)
Unha "panda" é o mesmo que "lomba", un terreo combado ("pandado").

AS POLTREIRAS (Cervo)
O termo "poltreiras", como topónimo, é interpretado por Piel  no senso de "paso no río" ("pedras, colocadas de margem a margem, num regato ou rio, para dar passagem"). Cf.  J. Piel "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945.
Esta acepción é recollida tamén na maioría dos dicionarios de galego. Así, X. L. Franco defíneo como "lugar dun río onde hai unha poldra para cruzalo". cf. X. L. Franco Grande, 1972, "Diccionario galego-castelán, Vigo.

AS PICHEIRAS (Rúa)
O mesmo que "pichel" e "picha"; este termo está relacionado co "lugar polo que sai a auga". Coidamos que pode indicar algo similar a "chorro, cachón", "pequena fervenza". Así, existen en Galiza as fervenzas chamadas "A picheira da Seara" e "Picheira do Fócaro" en Quiroga, "A Picheira de Vieiros" en Ferramulín (Courel). 
Aínda que os dicionarios de galego non rexistren esta acepción, si rexistran "pincheira" e "ficheira" con esta acepción.
 O nome "picheira" en portugués é o mesmo que "pichel", xarra para sacar o liquido das cubas de viño.

AS ROZAS (Varios)
Ver "A Roza Vella".

AS XIRAS DE BEBA (Cervo)
Unha "xira" é un terreo de labradío estreito e pequeno, posiblemente sendo xira no sentido de paseo. É un significado habitual de "xira" neste concello´.

BALTAR (Cervo)
De (uilla) *Baltarii, forma en xenitivo de Baltarius, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola, casal"). É un nome de orixe xermánica, formado a partir de balth- 'audaz' e harjis 'exército'. (cf. p. 226 de J. M. PIEL, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II).
É importante notar que o feito de a orixe do nome ser xermánica non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.


BELÉN (Castelo -lugar de Trasbar)
Probablemente de*(uilla) Bellenii, forma en xenitivo de Bellenius, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola, casal").

BISADURAS (Castelo)
Grafía alternativa de "Vesaduras", e portanto derivado de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego" (cf. aquí).

BUSTELO  (San Román de Vilaestrofe)
Diminutivo de "busto", lugar para pasto, posiblemente con cortes, para "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións.
O lingüista J. M. Piel matizou que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”, citando a Sarmiento, que xa adiantaba as mesmas ideas.
Gonzalo Navaza, na súa Toponimia de Catoira, di que os topónimos "Busto" e "Bustelo" naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor. Neste sentido, e seguindo a J. J. Moralejo, Cossué deriva bustum do composto proto-céltico *bou-st-om 'estáncia (para/de) vacas' (cf. aquí), á súa vez derivado da raíz indoeuropea  *gwōw- 'vaca' (IEW: 482).

CARDIDE (Lago)
Posiblemente o mesmo que "cardal", "sitio onde abundan os cardos". Cf. 
aquí.
Segundo Kremer (2008), as formas abundanciais en -ide, que se preservan en topónimos, serían as primitivas das que derivarían as actuais en -ido, así teixide > teixido (cf. aquí), e neste caso "cardide".

CARTAS 
(Cervo)
Este topónimo, frecuente en Galiza, posiblemente referencia a ""cada unha das catro partes iguais en que se divide un monte, como no caso do "monte dos Cuartos" en Mosende, e "monte dos Cartos" en Cerdido.
Outra alternativa é a de referencia á "carta" de posesiónpois o 
significado do termo prestábase ao seu uso toponímico, do mesmo modo que 
outros vocábulos referentes aos distintos tipos de administración da 
propiedade das terras, tais como "Foro", que callaron como nomes de 
lugar, maiormente na microtoponimia.

Reforzando a hipótese das partillas: 
  • "As Tercias" existe nas Negradas, en Cabanas, nas Nogais, etc, "Os Tercios" en San Sadurniño, Cedeira, San Sadurniño e Mugardos
  • "As de Quintas" nas Nogais, en San Sadurniño ."Os Quintos" en Cariño e Cerdido, 
  • En parroquias de Cedeira existe tamén "Os tercios", "As Sétimas" e  "As oitavas". 
De feito, esta tamén é unha das explicacións asignadas ao topónimo "As Cuartas", en Monterrei.
Cf. aquí.

Outra alternativa sería relacionado coa cuarta parte dunha propiedade foral, ou de terreos sometidos ao pago dunha renda equivalente á cuarta parte dos froitos. Porén, esta parece improbábel sendo unha "xesteira" no Valadouro, improbábel que fose un terreo sometido ao pago de tal renda.

CASMAIO (Rúa)
Posiblemente derivado de "Casa Maio". 
A existencia dun "Porto Maio" no concello de Aranga parece confirmar isto, así como a de "Pormaio" en Mañón e no Valadouro.
O termo "porto" pode referir tanto a "paso de montaña" como a "pasadoiro dun río".
Tamén existe outro "Pormaio" no Valadouro. 
A segunda parte do composto, "Maio", probablemente sexa apelido. 

CERVO (Cervo)
Aínda que pareza transparente a orixe no animal dese nome, posiblemente non sexa o caso: primeiramente, é infrecuente o nome dun animal como topónimo; ademais diso, tendo en conta o conxunto de topónimos Cervantes, Cervaña, Cérvora, Cervia (a actual Servia) coa mesma raíz e de clara orixe prerromana (polos sufixos que inclúen: -nt-, -aña, -ora, -ia, típicos da hidronimia paleoeuropea), parece levarnos a que "Cervo" tamén poida ter unha orixe prerromana.
Canto á orixe prerromana concreta, é difícil de establecer, talvez a que indica Moralejo para o topónimo "Cervantes", a raíz indoeuropea *(s)kerbh-, da que deriva a forma protocelta *kerbo- 'puntiagudo, afiado'. Cf. aquí. Indicaría, talvez, por tanto, unha elevación do terreo ou un terreo rochoso. 


CORNAS (Sargadelos)
Posiblemente referido a lugar pedregoso.
Cabeza Quiles interpréta os topónimos Corn-, Carn- como de orixe céltica ou precéltica, derivado do tema *kar- 'pedra, zona rochosa' (cf. F. Cabeza "A toponimia celta de Galicia", 2014).
Por outro lado, Gonzalo Navaza, para topónimos similares, apunta a un termo derivado de "corno" nun senso metafórico orográfico (cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006). 

CUBELAS  (Lieiro)
De "Covelas", diminutivo de "cova", ben no sentido de "furada", ben no sentido de escavación ou sepultura.

CUÍÑA (Cervo)
A orixe e significado do termo "cuíña" é discutida, aínda que probablemente corresponda co apelativo "cuíña" 'pequena elevación de terreo'. Esta é a orixe que lle asigna tamén P. Martínez Lema. Eladio Rodríguez recolle este significado como forma aínda viva en Abadín e Parga, definíndoa como "colina", e Constantino García tamén o rexistrou en Laxe, co significado "lomba"  (cf. aquí). 
Hai outras teorías, como derivalo do latín colina ou culina, co significado de "cociña" (cf. aquí), co argumento de ser improbable que derive do latín collina, pois non se perde o dobre l. 
Outra teoría alternativa é a de E. Rivas e Cabeza Quiles, que explican os diversos Cuíña e Cuña do territorio galego como derivados dunha raíz oronímica preindoeuropea  *con- / *cun-  'rocha, prominencia, altura'. Finalmente, Nicandro Ares apunta a posibilidade de derivar do apelativo "coíña", no senso de "col nova". Porén, crémolo improbable, pois un apelativo tan común, que sería anecdótico, non pode ter tantas ocorrencias na toponimia galega. Outra alternativa que propón N. Ares é a de "coia", o termo prerromano.

DAIÁN (Cervo)
De *(uilla) Dadilani, forma en xenitivo de Dadila, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

ESCOURIDO (Castelo)
O mesmo que "escouredo", terreo onde abunda a "escoura" (pedra de cor do ferro, ou "residuo de carbón e ferro"), e tamén, por extensión, "terreo malo e improdutivo pola abundancia de pedras" (cf. "escouredo").

ESPIÑEIRIDO (Cervo)
Topónimo transparente: lugar onde abundan ou abundaron os "espiños".


FIGUEIRIDO (Sargadelos)
Topónimo transparente: lugar onde abundan (ou abundaron) as figueiras.

FONTAMAR (Cervo)
Significado incerto. Posiblemente composto de "Fonte Amar".
O termo "amar" posiblemente teña orixe paleoeuropea (e por tanto, precelta), e derive da raíz indoeuropea *am-, frecuente en  hidrónimos de orixe prerromana, e cun significado relativo a "suco, canle, cavar". Cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos como Amosa (varios), A Amoá (Cabanas) e As Amoás (Sumoas).
Alternativamente, podería vir de Amari, xenitivo de Amarus, ou de Ademari, xenitivo de Ademarus, nome de antigo posuidor.

FONTAO (Santo André de Boimente)
O nome deste núcleo de poboación posiblemente  derive dun posuidor chamado Fontanus (cf. Cabeza Quiles).  É a hipótese máis probable se temos en conta a grande cantidade de "Fontao" referidos a núcleos de poboación.
Outra posibilidade sería derivado de (agru) fontanu, derivado de fons "fonte" (cf. Moralejo Lasso. "Toponimia gallega y leonesa").
Tanto neste caso como no "Fontao" de Burela e no de Viveiro, así como o de Cariño, son topónimos de núcleos de poboación, polo que parece reforzarse a primeira hipótese.


FONTE DA POLTREIRA (Cervo)
Ver "As Poltreiras".

GONDRÁS (Lieiro)
De (uilla) *Gundilanis, forma en xenitivo de Gundila, nome do antigo posuidorda uilla ("explotación agrícola, casal")
É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

LAGAS (Cervo)
O termo "laga" significa "remanso no río", e ten tamén a acepción específica de "remanso do río, con auga profunda, onde se metía o liño a 'enlagar'".

LEAS (
Castelo)
Posiblemente de orixe prerromana, da raíz indoeuropea *le-na- 'lene, mol, suave'. Tería un significado parecido a 'augas apacibles, en remanso'.
Estaría relacionado con outros topónimos como  "Ribeiras de Lea", con "As Leas" no Valadouro ou co asturiano "Llena". Cremos improbable que teña relación co apelativo "lea" 'enfrontamento, rifa', por non ter uso claro para un topónimo relativamente frecuente.

LOURIDO (Castelo)
Un "lourido" é un lugar onde abundan os loureiros.

MONTAROSO (Sargadelos)
Composto de "Monte Aroso", probalbmente de "Monte Hederoso".
Segundo  Navaza e Martinez Lema, "Aroso"  explicaríase a partir do latín hederoso, abundancial de hedera 'hedra'. (cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006) (cf. tamén aquí)
Alternativamente o topónimo  "Aroso", o mesmo que no caso de "Aro", estaría relacionado coa raíz hidronímica prerromana *ar-, presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" da comarca.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

O ALBARIÑO (Castelo)
Segundo Navaza, os termos "Albariña" e "Albariño" son diminutivos de "albar" para formas fitotonímicas como "carballo albariño", "uva albariña" ou "toxo albariño". Tamén sindica que algúns dos topónimos "Albariño" e "Albariña" podería ser diminutivo de "árbore", de arboriña > alboriña (cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006).

O AMIDO (Castelo -lugar de Trasbar)
Lugar onde abundan os amieiros ou ameneiros.

O BACELO (Cervo)
Un bacelo é unha vide nova.

BATÁN (Castelo)
O apelativo "batán" vén do latín battere, bater, golpear. Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricados nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O tecido era batido para desengraxalo e darlle corpo; os batáns ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído.

O BEDRANCÓN (Cervo)
Grafía alternativa por "Vedrancón", aumentativo de "vedranco", e este á sua vez derivado de "vedro".
Xeralmente, "vedro" proviría do latín veterum "vello". No entanto, nestes casos, probablemente corresponda á outra acepción, a de "monte de rozas, que se cava e queima para despois cultivalo con trigo ou centeo". O sufixo de orixe prerromana -anco parece reforzar esta hipótese.

O BORRALLO (Castelo), O BORROALLO (San Román de Vilaestrofe)
Os apelativos "borrallo" e "borralla" defíneos o dicionario como "conxunto de residuos que quedan de algo que se queimou totalmente".
Probablemente estean referidos a actividades de "roza" no monte. Ver "A Roza".

O CACHÓN (Rúa)
Un "cachón" é sinónimo de fervenza, augas que caen en cascada.

O CADAVAL (Castelo)
Un "cadaval" é un lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. aquí.

CADAVEXO (San Román de Vilaestrofe)
Diminutivo de "cadaval". Ver "O Cadaval".

O CALVARIO 
(San Román de Vilaestrofe)
Posiblemente referidos á existencia de tres cruces, ligadas ao culto do Via Crucis.

O CAMPÓN (Rúa, San Román de Vilaestrofe)
Prado de secano de extensión considerable. Cf. aquí.

O CEPADAL (Cervo)
Probablemente de "Cepedal", abundancial de "cepo", lugar onde hai cepos.
No entanto, dado que existen varios "O Cepetal" en Xermade, Muras, Galdo, e que existe tamén "O Zopetal", non se pode descartar que "cepadal" sexa unha "etimoloxía popular" de "Cepetal", o cal tén significado incerto.

O CODORRAPACES (Cervo)
Forma composta, de "O Con dos Rapaces", sendo "con" o apelativo para "penedo que sobresai na costa", o cal encaixa neste caso.

O COÍDO (Cervo, Lieiro)
Un coído é un conxunto de coios, "pelouros".

O COTO DE MOMPODRE (Rúa)
Un "coto" designa a "parte máis alta dun monte, que ten forma cónica".
O termo "Mompodre" é un composto de "Monte Podre". Aquí "podre" pode indicar a existencia de augas estancadas ou de lamaceiras.

O COUZO Da chousa (Rúa)
Un "couzo" é o mesmo que "couce", termo con múltiples acepcións, que nestes casos viría de calce  "calcañar", e designa por analoxía un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada".
Refere, por tanto, a un canto ou curruncho da chousa.

O COVELO (Castelo -lugar de Trasbar)
Diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".

O ESCAIRO (Castelo, Rúa, Sargadelos)
O dicionario defíneo como "pasadizo para atravesar un valado", e tamén "Escaleira rústica feita con pedras nun comareiro, o con ocos formados coa misma terra do comareiro".

O ESCALEIRO (Castelo)
O mesmo que "escairo", aínda que neste caso conservou o "-l-".

O ESCOURIDAL (Rúa)
Abundancial de "escoura", lugar onde abunda a escoura. Ver "A Escoura".

O ESTIBO (Castelo)
O dicionario define "estivo" como "terreo labradío con varias parcelas de distintos donos".
Posiblemente orixinado nunha estivada (roza). Ver "A Chousa da Estivada". 

O FONTAO (Lieiro)
Sería derivado de (agru) fontanu, derivado de fons "fonte" (Cf. Moralejo Lasso. "Toponimia gallega y leonesa").
Outra posibilidade sería que derive dun posuidor chamado Fontanus (cf. Cabeza Quiles).  No entanto, esta hipótese é improbable ao non ser este topónimo un núcleo de poboación e levar artigo diante.

O FORCÓN (Castelo, Rúa, San Román de Vilaestrofe)
O significado do topónimo "forcón", frecuente nos concellos da zona, é incerto. 
O dicionario define "forcón" como "pau rematado en dúas gallas pequenas que serve de soporte ou apoio a algo". Posiblemente referido a unha árbore gallada ou, máis probable, a unha bifurcación de camiño ou río ou montañas, neste último caso, no sentido de "desfiladeiro".
acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.

O FOXO (Castelo), O FOXO DO POMAR (Castelo)
O apelativo "foxo" vén do latín  fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras".
Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a Xoán Martínez, veciño de San Pantaión e Luís Dapena, labrador de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999)

Non se debe confundir "foxo"  con "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, en canto que foso = port. fosso, cast. foso) .

O FREIXO (Rúa -lugar do Freixo)
Do latín fraxinus 'freixo'. No caso do topónimos con nome de árbore en singular, costuman interpretarse como referindo a unha colectividade deles. Indicaría, por tanto, un lugar onde abundaban os "freixos".
É un topónimo frecuente en Galiza.

O GUEIMIL (Cervo)
Etimoloxía incerta, aínda que con moita probabiidde proceda dun nome de posesor de orixe xermánica, cun segundo tema -miri.
Podemos supor unha fase previa na que se denominase "Gueimil", sen artigo, e por tanto proviñese posiblemente de (uilla/fundu) Guinimiri, indicando unha antiga propiedade dunha persoa chamada Guinimirus, nome de orixe xermánica (de weniz 'amigo' e -mirus 'famoso').
No entanto, non atopamos atestado este nome en Galiza, e tampouco corresponde cun núcleo de poboación, polo que esta orixe é apenas unha hipótese con reparos.
Precisaríamos documentación antiga que o confirmase, mais non é o caso.

O ILLÓ (Castelo)
O  termo "illó" designa un sitio pequeno onde brota auga, e é pantanoso  (cf. aquí).
A orixe é controversa, hai quen o deriva do latín vulgar *oculiolu, aínda que outros (e.g. E. Bascuas) derívano dun termo prerromano paleoeuropeo a partir da raíz indoeuropea *wel- 'xirar'. Cf. p.142 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

O LODEIRO (Cervo)
O termo "lodeiro" tén dúas acepcións: 
  • Lameira, terreo con lama
  • Árbore tamén chamada "lamigueiro", "lotus", 
Cf. aquí.
Alternativamente, de Lotariu, nome de orixe xermánica. Porén, levando artigo diante é improbábel.

O MACHUCO (Rúa)
Neste contexto, a acepción do termo "machuco" corresponde co diminutivo de "macho", na acepción derivada do latín marculum 'martelo pequeno', probablemente referido a un martelo hidráulico, movido pola forza do río (de feito, está nunha zona de prados). 
Podemos descartar a orixe na palabra masculum 'persoa de xénero masculino', pois tería pouco encaixe nun topónimo.

MARCO (Castelo, San Román de Vilaestrofe)
O termo "marco" indica a existencia, actual ou antiga, dun marco (pedra fincada no terreo, de límite territorial). A orixe deste "marco" pode ser medieval,  ou miliario romano, ou tamén podería tratarse dunha pedrafita ou menhir prehistórico.

O MONTE ACAROADO (Castelo)
Podería ser "acaroado" coa acepción de "labrado até os estremos, sen deixar cómaro algún". Cf. aquí.
Tamén pode ser sinónimo de "rapado", segado até o chan, sen deixar "restreba".

O MONTE DA COSTOIRA (Lieiro)
Monte da vixilancia. Ver "A Costoira".

O MONTE DA LANGOIRA (Cervo)
Este topónimo, existente en Xove, Cervo, Burela, Viveiro, Sarria, Pastoriza, Samos, tén orixe prerromana, posibelmente cun carácter hidronímico, e indicaría algo similar a "rego da encosta" ou  "rego longo".


Ver entrada blogue >>aquí para máis detalles.

O MONTE DA MEDELA (Lieiro
Diminutivo de "meda".  "Meda" é unha morea de mollos de cereal segado, aínda que podería referir a "mámoa", ou simplemente a unha elevación no terreo en forma de meda.

O MONTE DA MODEA (Rúa)
O termo "modea" debe ser unha grafía alternativa por "modia". Unha "modia" reférese moitas veces a mámoa ou túmulo primitivo. Outras veces parece referirse somente a un outeiro, a unha "mota", sen existencia de túmulo coñecida.

O MONTE DAS CANDAS (Rúa)
Os apelativos "canda" e "cando" son sinónimos de "garabullo".

O MONTE DE FERNANRUBE (Rúa)
Referido a un antigo posuidor chamado "Fernán Rube", ou, igualmente probable,  de "Fernán Rubo". O apelido "Rube", se non provir de "Rubo", podería provir de Rufi, a forma en xenitivo de Rufus, talvez dun antigo topónimo (uilla) Rufi

O MONTE DE LAMABICOI (Cervo)
O termo "Lamabicoi" é un composto de "Lama Bicoi", indicando unha "lama" (no senso de "lameiro", "prado"), pertencente a *Bicoi, nome de probable orixe xermánica.
No entanto, sen dispormos de documentación antiga é difícil estabelecer con certeza a orixe de "Bicoi" Bicoi. Podería ser, tal como se indica, a típica construción bitemática xermánica, dado o segundo elemento -oi. O primeiro elemento "Bic" viría do proto-xermánico *bēgaz 'rifa, loita', ou ben, tal como ocorre co nome medieval "Vigoy", de *wīgaz 'loitador'.
É importante notar que, aínda que o nome *Bicoi fose de orixe xermánica, isto non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media, usados independentemente da procedencia da persoa.

O MONTE DE MOTÍN (Castelo)
O termo "Motín" probablemente deriva de (agru) Muttini(i), forma en xenitivo de Muttinus ou Muttinius, o nome do antigo posuidor, nome de orixe latina (á súa vez, de posible orixe etrusca, cf. aquí).

O MONTE DO CARITEL (Castelo)
O topónimo "caritel" tén certa frecuencia en Galiza, e parece indicar un lugar oque posúe dereitos específicos relacionados coa autoridade, e por extensión, lugar onde se pagou multa dereitos de "caritel", talvez por ter ocorrido nel un roubo ou morte. Xa máis contemporaneamente, indica pago de dereitos de deslinde e colocación de marcos. 

Na Idade Media existía o dereito de "caritel", polo que os veciños dun lugar debían pagar unha multa caso de ocorrer no seu distrito un roubo ou asasinato. Porén,  "caritel" na documentación medieval, na área galego-portuguesa, tamén parece ás veces presentar, por extensión, un significado máis xeral de "termo, distrito". 

Xa Sarmiento estudou este termo (cf. aquí), relacionándoo como topónimo co pago da citada multa, ou ben como expresión metafórica derivada do verbo "caritar", en terreos de penas e escarpados, indicando "cicatrices" no terreo.  Esta interpretación foi despois seguida por Rodrigues Lapa (cf. "Fray Martín Sarmiento e o vocábulo caritel", Boletim de Filologia 1, 185-198). 

Por outro lado, Paulo Merêa coincide con Sarmiento na acepción de "sinal", aínda que discrepa da segunda interpretación que fai Sarmiento cono "cicatriz" no terreo (cf. "Caritel (a propósito das reflexôes de Fray Martín Sarmiento)", Boletim de Filologia Portuguesa, II, 1934). Así, Merêa coincide en que "caritel" procedería de caractellum, diminutivo de caracter (character), pasando a significar un "sinal" ou "marca" (incluso un marco ou pedrón), e daí un selo ou dereito da autoridade.

Sen podermos xulgar cal é a interpretación correcta, semella probábel a interpretación de Merêa, e, pola contra, o senso metafórico de "penasco" parece non encaixar, sendo que a maioría dos topónimos galegos "Caritel" examinados non corresponden a lugares de penascos ou de quebradas.

Nalgúns dicionarios galegos, "caritel" é recollido como "pena que pagaban os veciños dun lugar onde se cometía un roubo ou morte", e tamén "dereitos que 
pagaba quen solicitaba o deslinde dunha finca". (cf. aquí).

Hai outro "O Caritel" na cercana parroquia de San Martiño de Mondoñedo (Foz).

O MONTEIRO (Castelo)
En xeral "monteiro" significa "persoa que participa nunha cazaría no monte, encamiñando a caza cara onde se atopan os cazadores" (cf. aquí), aínda que dun punto de vista histórico referiría “o cazador especializado que guía unha montaría”. 

As montarías eran comúns no rural e, en particular, as batidas de lobos, xeralmente dirixidas por monteiros profesionais,  foron comúns e recorrentes desde a Idade Media ata o século pasado. En efeito, un número nutrido de persoas corría o monte batendo sobre o chan e o mato para asustar e acosar o lobo, polo xeral conducíndoo para un un foxo. 
Na Idade Media, o monteiro costumaba ser un experto cazador local que tiña encomendada a organización de batidas comunais contra lobos e feras salvaxes que ameazaban o gando. Nalgúns casos, o monteiro exercía a súa profesión sen exclusividade, asinando contratos con señores, aldeas e mesmo parroquias enteiras.  Cf. A. Reboreda, "Espazos lupinos de Galicia: os foxos do lobo". 2009 (aquí).

O NABALIÑO (Cervo)
Un "nabal" é un lugar onde se sementan nabos.
Nalgúns casos, podería estar relacionado coa raíz prerromana *nav-, presente en topónimos como "Nava" e en "Navallos".
Neste caso, sendo unha terra de labor, non hai razóns para que non estea referido á plantación de nabos.

O NOVAL (Castelo)
De "o (agro) noval", de "finca nova".
O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable". Cf. aquí.

O OUTÓN  (Castelo -lugar de Trasbar)
Aumentativo de "outo" ("alto"). 
Existe o mesmo topónimo noutras zonas da comarca, como no Vicedo, así como noutras comarcas, como en Carballo, Porto do Son, etc.

O PAINZAL (Rúa)
Lugar con paínzo ("millo-miúdo"), ou que produce bon paínzo. 

O PANDO (Castelo)
Un "pando" é o mesmo que "panda",  unha lomba, un terreo combado  ("pandado").

O PAMPILLAR (San Román de Vilaestrofe)
Lugar onde abunda o "pampillo", unha planta anual da familia das compostas (Coleostephus myconis), de flores amarelas parecidas ás da margarida. Cf. aquí.

O PARAÑO (Cervo, Sargadelos -lugar do Paraño)
"O Paraño" (Castelao)
Leandro Carré Alvarellos define "paraño" no seu dicionario galego como "lugar amparado, protexido". Cf. aquí. Podería significar "terra con certos "privilegios", tamén recollido así en portugués."

Outros significados, como "aparador" ou o  tamén recollido en portugués de "pedra da parte superior da boca do forno, en forma de viseira" parecen máis improbables dada a cantidade de topónimos que aparecen nos concellos cercanos (en Sumoas, en Valcarría, en Covas, etc). Así e todo, podería estar relacionado con pedras asociadas a construcción megalítica antiga, de feito as furadas dos dolmens son chamadas na nosa toponimia "fornos" ou "fornos dos mouros".

O PARDIÑEIRO (Cervo)
O nome "pardiñeira" significaba orixinariamente "lugar deshabitado", similar a "pardiñeiro": casa arruinada e destartalada (cf. dicionario). En portugués existe pardieiro, co mesmo significado que "pardiñeiro".
Outra posible acepción de "pardiñeira" e "pardiñeiro" é a de conxunto de "pardiñas" (devesa ou chousa, cf. dicionario), lugar de devesas.

O PEDROUZO (Castelo, CervoSan Román de Vilaestrofe)
O topónimo "pedrouzo", frecuente en Galiza, indica unha "morea de pedras", e tamén un "penasco elevado", ou "cima penascosa". Cf. aquí 
Tén o mesmo significado o homólogo portugués pedrouço. Cf. aquí.

O PEREIRO (Rúa, San Román de Vilaestrofe)
A súa orixe pode estar relacionada con pirariu (árbore) ou con petrariu ("pedreiro"). Nalgúns casos, dada a orograría onde se ven as penas, parece probable a orixe en petrarium. 

O PIAGO (Castelo)
Un "piago" ou "peago". do latín pelagus, é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río. 
En efecto, este termo é definido por Piel como "sítio fundo do mar ou de um rio". Cf. p. 323, J. Piel "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945.

PIMPÍN (Cervo, San Román de Vilaestrofe)
Probablemente de orixe en onomatopeia, indicando unha fonte de pouco caudal, que "pinga", polo cal se costuma pór unha "pimpela" pola que discorre o fío de auga.
O feito de haber  lugares ou fontes "Pimpín" nas Ribeiras do Sor, en Mañón, en Celeiro, nas Negradas, etc, parece confirmar esta hipótese.
Esta hipótese parece confirmarse tendo en conta que en asturiano unha pimpana é  unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.

O POZO DE LANGOIRA (Cervo)
Ver "O Monte da Langoira".

O POZO DOS MONXES (Cervo)
Non cremos que teña relación algunha con ordes relixiosas, senón que indicaría un "pozo no que abondan os munxes". Na zona de Viveiro chámase "monxe" ao peixe mugil cephalus.
É frecuente a referencia a peixes na toponimia costeira, así temos a "Punta dos Monxes" en Suegos (O Vicedo), "A Bogueira" en Barreiros, a punta "Besugueira" en Burela, a "Punta dos Mógaro" en Nois, "Punta de Anguieira" en San Cosme, etc.

O PRADO DA POLTREIRA (Cervo)
Ver "As Poltreiras".

O PRADO DO PICHEIRO (San Román de Vilaestrofe)
O apelativo "picheiro" e "picheira" significan o mesmo que "pichel" e "picha"; este termo está relacionado co "lugar polo que sai a auga". Coidamos que, no caso deste topónimo "Picheiro", indica algo similar a "chorro, cachón", "pequena fervenza". Así, existen en Galiza as fervenzas chamadas "A picheira da Seara" e "Picheira do Fócaro" en Quiroga, "A Picheira de Vieiros" en Ferramulín (Courel). 
Aínda que os dicionarios de galego non rexistren esta acepción, si rexistran "pincheira" e "ficheira" con esta acepción.
O nome "picheira" en portugués é o mesmo que "pichel", xarra para sacar o liquido das cubas de viño.

O PRADO DE TELADRIZ (Sargadelos)
topónimo "Teladriz" podería ter a orixe en *"Tei Ledriz", sendo "Ledriz" a forma evolucionada de Leoderici, o xenitivo de Leodericus, nome de orixe xermánica, e o elemento "Tei" indicando "lameira, prado".

O elemento "Tei" frecuentemente vai asociado a formas en xenitivo, tanto de orixe xermánica ("Teimende", "Teibalte", etc) ou latina ("Teivente", "Teilalle", etc).
E. Bascuas estudou esta forma "tei-", asignándolle unha orixe na forma paleoeuropea *tag-, cun significado parecido a "lameiro", e derivada da raíz indoeuropea *ta- 'derreter, fluír lentamente'. Cf. p. 66 e ss. de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

A localización en zona de prados parece reforzar esta hipótese.
Para máis detalles, consultar esta entrada de blogue >> aquí.

QUEIMADO (Castelo)
Probablemente en relación coas actividades de cavar na roza. Cando se cavaba a roza, facían borralladas ao queimaren os toxos, etc, que servían de abono, para despois plantar centeo ou outros cereais.



REBOLO DO CHAO (San Román de Vilaestrofe)
Os dicionarios galegos rexistran para "rebolo" o significado de "carballo, retoño do carballo". Tampouco podemos desbotar a interpretación como alcume, na acepción de "home ou animal rechoncho", que podería ter aplicación toponímica alicado a un antigo posesor.

O RECANTO (Rúa)
Un "recanto" indica un corruncho, esquina, lugar apartado.

REGO DA AGUIEIRA (Castelo)
Unha "aguieira" é un lugar frecuentado polas aguias.

O RETORNO (Castelo)
Os topónimos  "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

O ROZÓN (Castelo)
Aumentativo de "roza". Ver "A Roza".

O SISTO (Rúa)
Para Díaz Fuentes "sisto" sería unha "parada nun camiño". Cf. Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria. 
Outra interpretación é como referencia a un posuidor medieval chamado Sistus. Así ocorre nalgúns casos documentados. Cf.  Lucas Ávarez "El Tumbo de San Julián de Samos". Porén, os varios topónimos  "Sistelos",  "Sistelo" e "Sistelín" existentes parecen descartar esta unha orixe antroponímica e apontar máis para a interpretación de Díaz Fuentes ou similar.
Alternativamente, hai quen refere ao reparto de terras, a sextos, na época sueva. Cf. I. Millán, 1987, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz".

O TALLO DE ABAIXO (Cervo)
Un "tallo" é unha finca de pequenas dimensións (o mesmo que "lucha"). Á parte dos significados relativos a "corte", o termo "tallo" tamén ven no dicionario como "cuadrado de viña".
En portugués tamén ten o significado de "finca onde se plantan cebolas, fabas". Cf. aquí. Outra orixe podería ser dunha raíz indoeuropea *tā- 'derreterse, fluír', 'mofo', o mesmo que outros topónimos como "Tallobre" (cf. aquí).

O TARRAÑÓ (Castelo)
Moi probablemente, deturpación de "Tarañó", de (terreo) tarañó", relacionado coa voz "tarañeira" 'terreo pobre, pedregoso, de mala calidade'.
É un termo de orixe prerromana, posiblemente relacionado cos  topónimos Taranco e Tarancos, coa mesma raíz e cun sufixo tamén prerromano.
Hai quen lle asigna unha orixe céltica, talvez de *taraneo, relacionada con Taranus, unha divindade céltica dos tronos. Cf. aquí.
Existen outros moitos topónimos similares, así un Tarañós en Mañón, Taraños en Cedeira, Tarañeira en Guitiriz e en Xermade, etc.

O TELLADO (Cervo -lugar de Espiñeirido)
O nome "tellado" deriva do baixo latín tegulatu. 
O topónimo probablemente deriva do obvio significado de "lugar tellado", do mesmo modo que abundan topónimos como "A Lousada" ou "A Pallaza". 
No entanto, "Tellado" é interpretado en xeral  como "lugar abandonado e repoboado": xa os romanos chamaban tegulata a lugares abandonados, onde ficaban restos de casas. Así, para Nicandro Ares, Tellado aludiría a "un aedificium tegulatum, ou un terreo onde abundarían restos de antigas tegulas” (cf. p. 635 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011). 

O VASCO (San Román de Vilaestrofe)
Probablemente, "Vasco" indique neste contexto o antigo posuidor do terreo. O nome de persoa "Vasco" era frecuente na Idade Media, e tén a mesma orixe que o castelán "Velasco".

O VEDRAL (Rúa)
Lugar onde abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitu(m), a planta Amaranthus blitum.
Alternativamente, de "(lugar de) vedros", sendo un "vedro" un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". 

O VEDRO (Castelo)
Xeralmente, "vedro" proviría do latín veterum "vello". No entanto, nestes casos, probablemente corresponda á outra acepción, a de "monte de rozas, que se cava para despois cultivalo con trigo ou centeo".
Non podemos descartar tampouco que nalgún caso proveña do latín blitu(m), a planta Amaranthus blitum, chamada "bredo" ou "bedro", aínda que parece moi improbábel, e máis aínda se reparamos na existencia de "O Vedrón", que non tería sentido como aumentativo dunha planta.

O VEDRÓN (Castelo, Cervo)
O termo "Vedrón" é un aumentativo de "vedro". Ao ser aumentativo,  a mellor interpretación deste topónimo parece a de "monte de rozas, que se cava para despois cultivalo con trigo ou centeo".

O VILAR (San Román de Vilaestrofe, Cervo), O VILARÓN (Cervo)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na extremeira dunha vila, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (Cf. p. 221 de C Baliñas Pérez. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)").  
É posíbel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados. Porén, na actualidade, os dicionarios referen a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de Leandro Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito". Cf. aquí.

O VISO (Lieiro)
Un "viso" é "un sitio alto, sitio elevado". Cf. aquí

O VIEIRO (Rúa)
O topónimo "Vieiro" é frecuente en Galiza, con máis de vinte lugares con este nome.
A priori, podería tanto provir de venario, a partir do latín vena 'vea, veta' (quer de ferro, de auga, etc), como de viario 'camiño, carreiro, vrea'.
 No entanto, Bascuas concluíu, a partir da documentación medieval, que a frecuencia de venario imponse, canto que viario aparece unha soa vez. Indica ademais que este derivado venario abonda na documentación medieval galega co sentido de "veta de ferro". En resumo, "Vieiro" indicaría, por tanto, unha explotación mineira ("vea de ferro") ou ben unha vea de auga. Cf. p. 139 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

Por outra banda, Nicandro Ares interprétao como derivado de viarius "referido a vía, camiño, verea", ou incluso ao antropónimo Viarius. Cf. p. 835 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega", 2011. 

O XISTRAL (Rúa)
O termo "xistral" indicaría o lugar onde abunda a planta chamada "xistra" (meum athamanticum, cf. aquí). Esta foi xa a interpretación de Sarmiento para este topónimo, que recolleu como "Sistral" no século XVIII (cf. aquí).
Alternativamente, o termo "Xistral" está recollido por E. Rivas como "canteira de xistra ou lousa" (cf. aquí).

Finalmente, tamén como interpretación alternativa, Cabeza Quiles considérao como variante de "Xestal" (cf. p. 437 de F. Cabeza. "Os Nomes da Terra").

OROSA (Cervo)
De "hedrosa", sitio onde abunda as hedras (cf. p. 300 de G. Navaza.  "Fitotoponimia Galega". 2006)

OS ABELAEDOS (Cervo)
Un "abelaedo" é un sitio onde abundan as abeleiras.

OS BARBEITOS (Castelo)
O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

OS CALVOS (Castelo)
Tanto "calvo" como "calvelo", calvela e calveira referen metaforicamente  a un lugar sen vexetación.

OS CAMBEIROS (Rúa)
Termo derivado de "camba". Posiblemente relativo ao alcume dun antigo posuidor  'persoa de pernas tortas'. Porén, o termo "cambeiro" tén varias acepcións rexistradas  (cf. aquí):
  • gancho, quer pau con gancho, quer gancho da gramalleira
  • caínzo
  • home de pernas tornas
Noutras latitudes, Cambarius está documentado como nome de persoa, e tamén o termo cambarius é asociado con 'fabricante de cervexa'.

OS CANGOS (Rúa)
Un "cango" é definido no dicionario como as táboas donde se poñen as lousas do tellado. Outra acepción é a de "pau groso malformado". Ambas as dúas acepcións están relacionadas: xeralmente os cangos dos lousados aproveitaban paus tortos.
Non está clara a interpretación toponímica neste caso. 

OS CHOPES (Cervo)
O termo "chope" defíneo o dicionario de Aníbal Otero (1967) como "pedazo pequeno dun monte cercado."
Atopámolo na toponimia menor de varios concellos de toda Galiza, como en Muras,  na Estrada, etc.

OS ESCALLOS (Rúa)
Probablemente "lugar onde hai escallos". O termo "escallo" é definido nos dicionarios como "chantón, enxerto".
Alternativamente, tamén se rexistra "escallo" como derivado do baixo latín squalidus, 'áspero, erizado, rugoso', 'inculto' (de squalere, 'estar en barbeito'). Designaría, por tanto, un terreo ou lugar que non foi comprado senón apropiado por estar abandonado, quer por non ter dono ou por estar inculto.  Cf. aquí. E. Rivas tamén menciona esta orixe en "Natureza, Toponimia e fala". 2007. No entanto, esta segunda interpretación non parece encaixar no caso de "Escallal" (Frexulfe, no Valadouro), a forma so sufixo abundancial -al, polo que semella máis probable a primeira interpretación.

OS FEÁS (San Román de Vilaestrofe)
Un herbal, un terreo que produce "feo" (cf. aquí).

OS LODEIROS (Cervo)
Ver "O Lodeiro".

OS MONTES DO MORGALLÓN (Cervo, Sargadelos)
O termo "Morgallón" ten unha orixe probablemente prelatina. 
Podería estar relacionado con "morgallo" ou "murgallo" 'restos de leña ou outros materiais', aínda que non semella probábel. 
Tamén podemos rexeitar que derive de "margallón" ('desvergonzado'), pois sería altamente improbable que  na toponimia galega abundase máis  "Morgallón" (tres ocorrencias) frente un único "Margallón", a forma que nesa hipótese sería a orixinaria.

Toda vez que non atopamos encaixe en orixe latina, podemos asignarlle orixe prelatina, máis aínda se temos en conta que o sufixo -ón corresponde en moitos casos coa fixación de voces prerromanas 
(e.g., F Villar, cf. aquí). 

Dese modo, talvez estea relacionado coa raíz hidronímica *mar- / *mor-  
"auga detida"coherente coa localización dos varios "Morgallón" existentes na xeografía galega:
  • O lugar do Morgallón, nas Negradas, está situado nun outeiro desde o cal se divisan os meandros do río Sor e unha boa parte da ría do Barqueiro. Ver localización aquí.
  • Existe outro "Morgallón" en Fazouro cunha situación similar, nun outeiro desde os que se divisa o remansos finais do río. Cf. aquí.  
  • Existe tamén un "montes do Morgallón" no Valadouro, outro nas Neves (Pontevedra) e outro no concello da Coruña. 
Alternativamente, o termo  "Morgallón" podería estar relacionado coa raíz prerromana mor(r)- , relativo a "pedra", referidos como de orixe preindoeuropea, tal como ocorre coa palabra "morea".  Existe un "Cueto del Mogro" en Cantabria, cunha situación bastante análoga (""es un pequeño monte de forma cónica, muy visible e identificable por su silueta en la llanura por donde discurren los meandros de la Ría.."). Para este "Mogro" postúlase esa orixe nos radicais "mor-iko". Cf. aquí.

Porén, a localización do topónimo "Os Morgallós", nun lugar chao do concello da Pastoriza, parece desbotar as hipóteses anteriores prelatinas.

Outra hipótese de orixe prerromana é a de derivar do céltico *morg-, provinte da raíz indoeuropea *mereg- "marco, terra na fronteira" (Pokorny: IEW 738). Porén, non parece haber outros nomes derivados desta raíz que parezan confirmar a súa presencia no noso territorio.

É importante remarcar tamén a posible relación etimolóxica cos topònimos "Morgal" en Salas, Asturias, e "Morgovejo" en León, documentado "Mogrovelio"en 921 (cf. aquí).

OS OLLEIROS (Rúa)
O  termo "olleiro" designa un punto onde brota auga do chan  (cf. aquí, e olheiro en portugués aquí).
Tal como ocorre para o termo "illó", a orixe é controversa. Podería derivar do latín vulgar *oculariu, ou alternativamente dun termo prerromano paleoeuropeo a partir da raíz indoeuropea *wel- 'xirar'. E. Bascuas non se refere a "olleiro", aínda que si a illó, cf. p.142 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

OS PIAGOS (Cervo)
Ver "O Piago".

OS PISÓS (Cervo)
Un "pisón" é similar a un "batán", máquina composta de grandes mazos que xiran para pisar os tecidos e darlles maior consistencia.

OS PRADOS DO CARITEL (Castelo)
Ver "O Monte do Caritel".

OS SISTOS (Castelo)
Ver "O Sisto".

OS VEDROS (Cervo)
Ver "O Vedro".

OS VILARES DE ABAIXO (San Román de Vilaestrofe), OS VILARES DE ARRIBA (San Román de Vilaestrofe)
Ver "O Vilar".

PEDRA CHANTADA (Cervo)
Este topónimo, de significado transparente, o mesmo que "pedra fita" ou "parafita", podería indicar a antiga localización dun marco medieval ou incluso dun mehir prehistórico.

PEDRIDE (Cervo)
O mesmo que "pedragal", lugar onde abundan as pedras. O abundancial en -ide é relativamente frecuente nesta zona, así "Mexilloíde" en Xove. Cf. aquí.

PERCORVO (Rúa)
Referido a un antigo posuidor chamado "Pero Corvo". Na época medieval, o nome "Pedro" evoluíra para "Pero".

QUELLA (Cervo)
O mesmo significado que cale/canle, tanto no senso de "canal" como no de "declive, pendente, parte baixa dunha finca ou monte".
O mesmo apelativo existe en portugués coa grafía quelha, e en galego tén tamén variantes "quelle", "quenlle" e "quenlla".

RAMIL (Castelo)
Posiblemente de  *(agru) Ramiri, forma en xenitivo de Ramiru(s), nome do antigo posuidor.
Ao non se tratar dun núcleo de poboación, é tamén probable que se trate do apelido (e non do nome) dun antigo posuidor. Como apelido, tamén tería a indicada orixe en Ramiri.

RAÑA MAIOR (Rúa)
Unha "raña" costuma ser un lugar pelado e pedregoso.  Segundo o DGPE: Raña, nome duns 20 lugares en Galicia e outros tantos ou máis en Ciudad Real, Toledo, Badajoz etc, cuxo sentido topónimico parece ser, en opinión de Menéndez Pidal,  sitio raído ou arrastrado por acción erosiva das augas ou por un desprendimento de pedras".
No dicionario figuran dúas acepcións para "raña": "Terreo alto e de monte pobre", e tamén "Rápido desnivel no leito dun río de fondo pedregoso".

Algúns suxeren para o topónimo unha raiz paleoeuropea *ra-, *ro-, que daría lugar a unha familia de palabras relacionadas con "rañar", "arrasar", etc. Cf. E. Rivas "Toponimia de Marín".
Cf. aquí e aquí para unha discusión máis ampla.

REGO DA BANDEXA (San Román de Vilaestrofe)
É importante subliñar que este topónimo "bandexa", aínda que semelle referirse a unha "bandexa", moi probablemente non tén relación algunha, senón que se trata dun hidrónimo de orixe prerromana indoeuropea. 
O máis probábel, tendo en conta as razóns dadas por E. Bascuas e outros autores  (V. Cocco ,J. M. Blázquez) para derivar topónimos como "Banduge" ("bandugium" en 1115, en Mesão Frio), semella que "Bandexa" derive da raíz hidronímica indoeuropea *band- 'gotear' (IEW 95). Cf. p. 51 de E. Bascuas "Aquis Ocerensis .." in ""Paleohispánica", núm 7, 2007 (aquí).

REGO DAS VARAS (Castelo)
Aínda que a orixe do termo "varas" non se poida rexeitar a transparente de "pau longo e delgado", moi probablemente non teña relación e se trate dun topónimo de orixe prerromana. E. Bascuas e outros autores derivan os numerosos topónimos "Vara" da forma hidronímica *war-, a partir da raíz indoeuropea *awer-, 'auga, mollar, chover, fluxo'. De feito, para este "rego das Varas", Bascuas indica que probabelmente se trata dun hidrónimo reinterpretado como apelativo. Cf. p. 143 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

REGO DE LEAS (San Román de Vilaestrofe)
Ver "Leas".

REGO DE PEDROUZO (Castelo)
Ver "O Pedrouzo".

REGO DO FORCÓN (Rúa)
O significado do topónimo "forcón", frecuente nos concellos da zona, é incerto. 
Aínda que o dicionario define "forcón" como "pau rematado en dúas gallas pequenas que serve de soporte ou apoio a algo", o máis probable é que se refira a unha bifurcación de camiño ou río ou montañas (neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro").

En efecto, acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.

REQUEIXO (Rúa)
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf. aquí)  ou tamén lugar apartado, nun recanto.
Segundo E. Bascuas (cf. VERBA, 2000), viría da forma prerromana *rek-  presente en palabras como rego (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo".

RÚA (Rúa)
Este topónimo probablemente corresponde co apelativo "rúa" (‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG). A etimoloxía sería da forma latina rūga ‘arruga’ (cf. J. Corominas, "Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico"), probablemente a través do francés rue. (cf. e.g. E. Rivas, "Toponimia de Marín". Anexo 18 de Verba. 1982.

RUBÁS (San Román de Vilaestrofe)
Os topónimos "Rubiás" e "Rubás" teñen orixe controversa, posiblemente distintas orixes segundo o caso.
En xeral, é interpretado como "(terras) rubás", "terras de cor ruba" ("roiba", "vermella"), en oposición ás terras negras. Posibelmente indique terras barrentas, ou ben terras ferruxinosas, incluso hai quen o atrubúe á cor da flor da queiroga (as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse vermellos cando florecía a queiroga en setembro).
Alternativamente, está atestado o topónimo medieval Rubianes, que Boullón Agrelo interpreta como antropotopónimo, a partir do nome latino Rubianus (Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"). 

Alternativamente, Joseph. M. Piel relaciona "rubiña" co verbo "rubir" ("subir"), derivándoos do latín rupes "rocha".

SAÍÑAS (Sargadelos)
Unha "saíña",  significaría "salina", derivado de "sal". 
É importante remarcar que o significado alternativo de "saíña" é o de diminutivo de "saa/sá" (do xermánico sala), aínda que pola situación costeira cremos sexa neste caso relacionado con "sal" e non con "saa", máxime cando se usa co sufixo abundancial "-al". 
Existe tamén "O Saiñal" en Mogor (Mañón), que parece confirmar esta hipótese.

SALDOIRO (Cervo)

Os topónimos "Saldoiro" e "Saldoira", relativamente frecuentes en Galiza e Portugal, son de orixe prerromana, tal como se indica de seguido.
A priori, poderíamos pensar nunha pronuncia de "saladoiro", no sentido de "salgadoiro" "pía, baño para salgar". No entanto, semella difícil ese paso de salgadoiro>saldoiro, máxime se temos en conta a relativa frecuencia deste topónimo: "río Saldoiro", "Saldoiro" (Narahío), "A Saldoira" (punta costeira) en Ribadeo, "Poza de Saldoiro" na Laracha, "Fonte de Saldoiro" en San Sadurniño, "O Saldoiro" na Pastoriza, "Pena Saldoira" na Pontenova.
Tendo en conta que a maioría deles corresponden con hidrónimos, Bascuas derivaos como formacións con sufixo romance a partir do tema hidronímico *sald-, da raíz indoeuropea *sal- 'auga axitada, sal, suxo'. Cf. p. 223 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

SANTOMÉ (San Román de Vilaestrofe)
Lugar referido a "San Tomé", e por tanto un 
haxiotopónimo.

SARGADELOS (Saargadelos)
Antigamente chamado "Salgadelos", como figura e.g. nun documento 
de Afonso VII do ano 1128 .
Sería, por tanto, o plural de "lugares salgadelos", lugar onde hai certa abundancia de sal ou saíñas.

SINDÍN (Castelo)
De (agru) Sindini, forma en xenitivo de Sindinus, nome do antigo posuidor. O nome Sindinus é hipocorístico de Sindus, á súa vez contracción de Sisenandus
É importante notar que, ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, supoñemos que fose agru/fundu, porén, non temos datos tampouco para rexeitar que ese lugar o teña sido antigamente a unha uilla medieval (explotación agrícola) e que tivese sido un lugar habitado.

SOBOLAIRA (Castelo)
Composto de "sobor-a-aira", lugar situado "por riba da aira", á parte de riba da aira.

SUVAL (Cervo)
Composto de "su val", lugar situado ao pé do val, á parte de baixo do val.

SUXIL (Castelo -lugar de Trasbar)
De (uilla) Sonigildi, forma en xenitivo de Sonigildus, nome do antigo posuidor, nome de orixe xermánica, da raíz sunja- 'verdade' (alternativamente de sona 'expiación') e máis de hild 'batalla'.  Cf. "Sogilde", pd. 349, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II

É importante notar que, aínda que o nome sexa de orixe xermánica, isto non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media, usados independentemente da procedencia da persoa.


TEIXIDO (Lieiro)
Sitio onde abundan as árbores chamadas "teixo" Cfaquí.

TERCIAS (San Román de Vilaestrofe)
Posiblemente derivado dunha partilla de finca efectuada a tercias, ou o "terzo" da herdanza que as leis deixan á libre disposición do testador.
Rexístrase este mesmo topónimo en Mosende (O Vicedo), Landrove, Mañón, etc.

TRASBAR (Castelo)
Este lugar figura como Trasuar en 1293 (cf. E. Cal, "De Viveiro en la Edad Media", in "Estudios Mindonienses", núm 7, 1991.

Seguindo a Piel, posiblemente derive de (uilla) Trasuarii, forma en xenitivo de Trasuarius, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola, casal"). Este é un nome de orixe xermánica, formado coa raíz gótica Thras- 'combate' e -arius de harjis 'exército'. Cf. p.435 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)". É importante notar que esta orixe xermánica do nome non indicaría que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media, usados independentemente da orixe da persoa.

Alternativamente, tendo en conta "A Vara" en Xove, Bares en Mañón, e outros, podemos pensar nunha orixe na forma hidronímica *war-, a partir da raíz indoeuropea *awer- 'auga, mollar, chover, fluxo'.  Xa que logo, formaría parte da serie de topónimos "Baraza", "Baroña", "Baralla", "A Vara". Bascuas confirmou esta interpretación no seu libro póstumo, onde menciona explicitamente este topónimo concreto. Cf. p. 145 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

Considerando calquera das hipóteses anteriores, o que é certo é que sería máis apropiada a súa transcrición como "Trasvar", pero ese xa é outro tema.

VILA DE SUSO (Cervo)
Do latín uilla de sursum 'vila de riba', 'vila no alto'. Cf. p. 107 de A. Moralejo, "Toponimia gallega y leonesa", 1977.

VILAESTROFE (San Román de Vilaestrofe)
De Uilla Astrulfi, forma en xenitivo de Astrulfus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola, casal"), nome de orixe xermánica.